Dámoslle a nosa benvida ao outono, que chega este mesmo mércores (ás 10.21 horas segundo informa o Observatorio Astronómico Nacional) e que quedará connosco case 90 días, ata o 22 de decembro que entre a nova estación.
Pode que os días vaian sendo cada vez máis pequenos, pero non cabe dúbida de que esta época do ano ten o seu encanto. As pardentas cores que adquire o bosque, o espeso manto de follas do que sairán saborosos cogomelos que aproveitar para as nosas comidas…
Moitas son as imaxes do outono. Unha delas é a vendima, este ano a cabalo entre o verán e a nova estación e cunhas previsións moi optimistas na comarca do Ribeiro, onde se espera superar o volume do colleitado o pasado ano. As previsións falan tamén dunha boa calidade, así que esperaremos impacientes a ver que tal saen eses viños.
Xa falando de viño novo non podemos deixar atrás as castañas, pois co outono chega o tempo dos magostos e tamén do San Martiño. Nas casas onde haxa porco haberá bastante traballo a partir desa época…
Sempre que falamos das festas pensamos automaticamente no verán, pero, a verdade, as celebracións do outono non lle teñen nada que envexar… Seguro que algunha nos quedou atrás, axúdasnos a lembrala antes de que chegue o inverno?