O próximo 16 de abril celebrarase en Carballeda de Avia a xornada “Creación de emprego e riqueza mediante o uso cooperativo do monte comunal”, onde se ofrecerá información sobre estes temas e se exporán varios casos de iniciativas que se están a desenvolver con éxito en Galicia.
A xornada é froito da colaboración da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e o Concello de Carballeda de Avia a través da Rede Eusumo (Consellería de Economía, Emprego e Industria).
Segundo podemos ler na web de AGACA, este encontro está orientado a persoas especializadas na xestión do monte comunal e nel se informará sobre aspectos económicos e lexislativos da nova Lei de Montes, así como das iniciativas baseadas na eficiencia enerxética.
Tamén se exporán casos de éxito relacionados coa produción de cogomelos, mel, porco celta, cabalo de pura raza, castaña, olivas e o aproveitamento da resina.
Nós, dende a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Muimenta, xa estamos apuntados a esta xornada, á que tamén asistirán representantes de outras comunidades do Ribeiro así como doutras comarcas galegas. Seguro que será unha xuntanza moi proveitosa para tódolos asistentes.
A cita será no Concello de Carballeda o sábado 16 de abril a partires das 9.30 horas. Máis información e inscricións aquí.
Pingback: Xornada sobre emprego e riqueza no monte comunal | Montes de Muimenta