O pasado sábado asistimos á xornada “Creación de emprego e riqueza mediante o uso cooperativo do monte comunal”, a cal resultou ser moi interesante, tanto polos temas tratados como pola calidade dos ponenetes.
O acto desenvolveuse na Casa do Concello de Carballeda de Avia, froito da colaboración da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e o Concello de Carballeda de Avia a través da Rede Eusumo (Consellería de Economía, Emprego e Industria).
Na xuntanza, que contou cun elevado número de asistentes de diversos puntos de Galicia, explicouse a orixe e evolución das comunidades de montes en man común a través do tempo e tamén se falou da imprescriptibilidade da propiedade comunal: é dicir, que o monte comunal é inalienable, inembargable e indivisible.
Ademais do percorrido histórico, tamén se expuxeron diversas iniciativas innovadoras no medio rural, como, por exemplo, as que teñen que ver coa eficiencia enerxética.
Por último, os asistentes tivemos a oportunidade de coñecer unha serie de proxectos que se están a desenvolver nos montes galegos, como son o caso da castaña en Manzaneda, o porco celta e a resina dos piñeiros, esta última en Mougás (Oia).
Os relatores coincidiron en defender que o monte galego ten moito potencial para desenvolver iniciativas que xeren riqueza, sempre que se trate de proxectos innovadores e diferenciados da oferta que xa existe actualmente.
9 claves para o éxito
Neste senso, deixámosvos aquí as 9 claves de éxito de calquera iniciativa, as cales foron expostas na xornada:
-Que todo o mundo sala gañando.
-Que se teñan os obxectivos claros.
-Que xere resultados visibles.
-Que os xestores teñan marxe de manobra.
-Que o modelo de negocio sexa o axeitado.
-Que as normas internas estean claras para todos.
-Que todo o mundo colabore con xenerosidade.
-Que ninguén veña a “perturbar”.
-Que haxa bastantes comuneiros implicados.
O acto, que foi inaugurado e clausurado polo alcalde de Carballeda, Luis Milia, rematou cunha comida na que os asistentes puidemos intercambiar puntos de vista e experiencias.