O coidado á natureza debe guiar as nosas actuacións no día a día, pero non está de máis lembralo e destacalo de vez en cando con días conmemorativos. Hoxe, 21 de maio, celébrase o día europeo da Rede Natura 2000 pero, que sabemos sobre ela?
A Rede Natura 2000 é a maior rede de espazos protexidos do mundo. Está formada por máis de 27.000 lugares europeos (un millón de quilómetros cadrados) e foi creada co obxectivo de conservar determinadas especies de fauna, flora ou hábitats senlleiros.
Nestes espazos a riqueza natural convive con determinadas actividades humanas como pode ser a agricultura, a caza, a pesca, a gandería ou o turismo. Todas elas débense desenvolver de xeito sostible para poder conservar os valores que motivaron a declaración de espazos da Rede Natura.
Deste xeito, non se trata soamente de lugares de protección dos recursos naturais, senón que, ao mesmo tempo, permiten valorizar a interacción cultural e histórica entre o ser humano e a natureza.
A Rede Natura naceu en 1992, ao amparo da directiva Hábitats da UE (aprobada o 21 de maio dese ano). En Galicia, temos espazos con esta figura de protección nas catro provincias. Se queres consultar cales son, preme aquí.
Como diciamos ao comezo, o coidado do medio ambiente debe ser unha constante para nós. Pero, para non esquecelo e reclamar que se siga avanzando na protección do noso patrimonio natural, son moi útiles os días coma este #Natura2000Day.
- Se che gustou este artigo, quizais atopes interesantes estes outros aparecidos en Montes de Muimenta:
-Sobre como ser un excursionista responsable
–Boas prácticas en espazos protexidos
- Fontes empregadas na redacción do texto:
-Natura200Day:
http://www.natura2000day.eu/red-natura-2000/
-activarednatura2000.com:
http://activarednatura2000.com/activate/dia-europeo-red-natura-2000/
-Facebook de Seo Birdlife: