
Terreo afectado por un incendio forestal.
IRDI son as siglas de Índice de Risco Diario de Incendio, unha ferramenta que serve para medir o perigo de lumes forestais no territorio. Para clasificar o risco, existen ata cinco niveis:
- Baixo
- Moderado
- Alto
- Moi alto
- Extremo
Na páxina web da Consellería de Medio Rural da Xunta podemos consultar a situación de cada día na zona de Galicia que desexemos. Segundo a cor que teña o concello sobre o que consultamos os datos, saberemos que grao de risco de incendio forestal ten para esa xornada.
Así, o risco baixo represéntase nunha cor azul, o moderado está pintado de verde, o alto de amarelo, o moi alto de laranxa e o extremo de vermello. Así o podemos comprobar na seguinte imaxe, extraída da web do departamento da Xunta:
E como se fixa o IRDI cada día? Segundo explica a consellería na citada páxina web, a cualificación do perigo márcase atendendo á conxunción dunha serie de elementos:
- Situación meteorolóxica.
- Estado da vexetación.
- Estado das infraestructuras preventivas das masas arbóreas.
- Estado do solo.
Por tanto: nos días de calor, e cando a vexetación e o solo están moi secos, temos que extremar as precaucións. E, en caso de observar algún incendio, dar aviso canto antes ás autoridades.
Xa sabes: #SeVesLume085