Aprobación do Plan de Ordenación dos Montes Veciñais de Muimenta

Carballo na Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Muimenta

Xuño é o mes da chegada do verán e, no ámbito académico, o momento de recoller as cualificacións finais. Aínda que xa non somos estudantes, na Comunidade de Montes de Muimenta vimos de recibir un aprobado: o do noso Plan de Ordenación Forestal.

A andaina burocrática deste documento comezaba hai case un ano, cando, unha vez redactado pola empresa Sayfor e aprobado pola Asemblea de Comuneiros, foi remitido á Administración para o seu visto e prace.

Agora congratúlanos comunicar que a resolución da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal foi favorable e confirmou a validez do instrumento de ordenación ata o 31 de decembro de 2024.

Instrumento de ordenación

O Plan de Ordenación Forestal é un instrumento de ordenación onde figura unha descrición dos montes, o inventario dos recursos e servizos forestais, uns obxectivos de ordenación dos espazos e unha serie de previsións de actuación para un horizonte temporal determinado (no noso caso ata 2024), así como unas previsións económicas.

A modo de curiosidade, podemos indicar que o documento relativo a Muimenta precisa que o monte veciñal en man común foi clasificado como tal en 1977 e inclúe os espazos de A Gateira, Lousado e Coto.

Este plan é un documento moi importante, pois o artigo 77 da lei 7/2012 de Montes de Galicia obliga a todos os montes a dotarse dun instrumento de ordenación ou similar.

Coa aprobación do Plan de Ordenación Forestal, o monte veciñal de man Común de Muimenta tamén queda inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia.

 

 

 

 

Deixar un comentario